Friday 03 de May de 2024

Moeche reivindica a igualdade cunha foto protagonizada polas súas mulleres


A instantánea tomarase este sábado ás 11.30h. diante da nave do mercado
O próximo día 8 conmemórase o Día Internacional da Muller. Unha data marcada no calendario para reivindicar unha igualdade real da muller na sociedade. Unha igualdade de dereitos e de oportunidades que se debe construír todos os días, non un só. Facendo seu este obxectivo, o Concello de Moeche organizou varias actividades para os próximos días comezando pola fotografía que se vai sacar este sábado día 3 ás 11.30h. diante da nave do mercado. As protagonistas serán as mulleres do municipio. Labregas, políticas, profesionais autónomas ou por conta allea, xubiladas, desempregadas… todas elas están chamadas a posar diante da cámara para unha foto de grupo que pretende ser un retrato en feminino do territorio.

A convocatoria diríxese a todas as mulleres de Moeche co fin de facer unha foto de grande tamaño que recoñeza institucionalmente o rol feminino no devir do municipio. Labregas, gandeiras, farmacéuticas, hostaleiras, administrativas, políticas… mulleres que día a día sosteñen e constrúen Moeche, sendo ademais un exemplo para as súas fillas e fillos.

A finalidade desta acción é captar unha imaxe do Moeche en feminino de 2018 que despois se pendurará nun lugar destacado do Concello, como xeito de visibilizar a contribución da muller á sociedade e tamén como maneira de reivindicar unha igualdade plena de dereitos.

O punto de encontro para a instantánea é a entrada principal do Mercado de Moeche, na nave dos tecidos, entre as 11.30 e as 12.00h. deste sábado, día 3 de marzo.
Programa “Por ti, avoa”
Outra das propostas do Concello con motivo do Día Internacional da Muller é o programa “Por ti, avoa”, que se desenvolve en colaboración co CEIP San Ramón. As nenas e nenos do colexio farán manualidades, escribirán poemas e cantarán cancións coas que agasallar ás súas avoas, como xeito de agradecerlles o que aprenden delas día a día, pero tamén de recoñecerlles o que significan nas súas vidas e na do concello.

A entrega dos regalos da xente miúda ás avoas farase nun encontro que terá lugar no colexio o mércores 7 de marzo a partir das 11.00h. Nel participarán varias mulleres que lles contarán aos nenos e nenas como era a vida na súa infancia e mocidade, incidindo especialmente en como a sociedade marcaba as desigualdades por razón de xénero en cada momento.

Proxección de “Os fenómenos”
A programación municipal do Día da Muller finalizará o sábado 10 no Centro Sociocultural Francisco Piñeiro, en Abade. Ás 20.00h. proxectarase con entrada libre o filme “Os fenómenos”, dirixido por Alfonso Zarauza.

A película conta a historia de superación de Neneta, a nai dun bebé que busca traballo para soster a súa pequena familia. No seu Ferrol natal consegue un posto nunha cuadrilla da construción formada por homes. A base de esforzo e coraxe demostrará a súa valía profesional… e non contamos máis.

Cea de mulleres organizada pola A.VV. de Labacengos
Ademais da programación municipal, a Asociación veciñal de Labacengos organiza unha cea de mulleres que terá lugar en Casa Pena o venres día 9 sobre as 21.30h.

O menú estará composto por uns entrantes de empanada, croquetas, pementos recheos e mexillóns en escabeche; seguidos por un medallón de solombo con crema de champiñóns como prato principal e unhas milfollas de crema como sobremesa. No prezo vai incluído o café e maila bebida.

Esta cea está aberta a todas as mulleres da parroquia, de Moeche e dos concellos da volta. O prezo son 20€ e durante a noite haberá varios sorteos. A data límite para apuntarse é o 5 de marzo e o aforo é limitado. Para inscribirse hai que chamar ao 606 729 038.